INTRO
Asistimos
desde hai uns anos no eido educativo á inqueda proliferación de enfoques,
ópticas, perspectivas, conceptos (amais dos nomes que a eles se refiren e os
adxectivos que os implementan:
Flipped Classroom, B-learning, E-learning, Gamification...) que saturan a
mente d@ docente ata tal punto que con frecuencia remata refuxiándose no método
de sempre, o mnemotécnico, o da clase maxistral, sen moitas veces (querer)
decatarse de que os tempos mudan a unha velocidade de gigabyte, de auténtica vertixe.
Ola
a tod@s. Sonvos Manu Ares, un currante da docencia que teima un día sí e outro
tamén (esperando non morrer no intento) por inocular en hipocampos cabeludos xuvenís
a consciencia do legado grecorromano no mundo actual.
Hai
exactamente un mes e un día (aínda que isto soa a réxime carcelario, xúrovos
que non ten nada que ver, ó contrario) iniciei, xunto a unha fornada de
compañeir@s, un novo curso presencial no CFR de Vigo co título de "As TAC (non as TIC, aleluia!) no deseño de actividades integradas". Para min non
só foi novo senón sobre todo novidoso polo enfoque que se lle daba ó contexto
de relacións e funcións que se establece en torno ó feito educativo. Docente,
alumnado, medio físico, ferramentas e recursos de aprendizaxe métense na
batidora e o resultado chega a ser, neste caso, unha nova metodoloxía baseada
en proxectos ou tarefas e apegada estreitamente á experiencia d@s estudantes.
Propúgnase neste curso unha aproximación xa non apriorística ós contidos como
se trata no ensino tradicionalista senón que se recurre a unha óptica máis
inductiva e de maior compromiso d@ discente no proceso de adquisición crítica
de contidos. Continuará...
Comentarios
Publicar un comentario